- AMBOS CERTAMES CONXUGARÁN DO 5 AO 8 DE XUÑO UNHA ATRACTIVA ÁREA EXPOSITIVA, UN INTERESANTE PROGRAMA DE ACTIVIDADES E UNHA RECOÑECIDA BOLSA DE CONTRATACIÓN QUE VOLVERÁ SER UNHA INMELLORABLE PLATAFORMA COMECIAL
Silleda, maio de 2025.- O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, celebraranse de novo conxuntamente co obxectivo de crear un atractivo espazo de converxencia para o sector do turismo. Será do 5 ao 8 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).
Estes certames volverán ter lugar de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, para crear sinerxías con este emblemático certame multisectorial, que este ano celebra a súa 47ª edición, e ofrecer así unha atractiva proposta tanto para expositores como para visitantes, os cales superaron os 84.000 o ano pasado.
Turexpo Galicia, que chega á súa 14ª edición, e Festur, que alcanza a 11ª convocatoria, prepáranse para esta nova cita que conxugará unha interesante área expositiva, un programa de actividades especialmente dedicado ás festas de interese turístico e unha importante Bolsa de Contratación Turística.
Estes encontros B2B de Turexpo Galicia volverán converterse nunha inmellorable plataforma comercial, a cal xa propiciou decenas de miles de encontros e facilitou exitosos acordos e que en 2024 acolleu 2.300 reunións de negocio con 33 operadores turísticos con presenza en once países.
Con este obxectivo a organización traballa desde hai meses para contar cun importante número de operadores turísticos tanto nacionais como internacionais, cuxa cifra se pechará nos próximos días e que proceden de países con gran interese como emisores.
Edición de récord en 2024
A formulación de Turexpo Galicia, que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, permitiulle conseguir unha gran progresión, con moi bos resultados nas citas aínda marcada pola pandemia e que non parou de superarse nos últimos anos.
Así, en 2024 celebrou a súa maior convocatoria, chegando aos 98 expositores, un 3.1% máis que o ano anterior, os cales ocuparon tamén unha superficie récord, un 2,6% maior.