Turexpo Galicia, feira invitada no Congreso Mundial de Turismo de Interior 2026

  • O SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA ESTARÁ PRESENTE CON STAND PROPIO NA SEGUNDA EDICIÓN DESTE EVENTO, QUE TERÁ LUGAR OS DÍAS 18 E 19 DE NOVEMBRO EN GUARDA (PORTUGAL)
  • ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN IBÉRICA DE TURISMO DE INTERIOR (AITI), ESTA CITA CONTARÁ CON MÁIS DE 40 EXPERTOS DE 18 PAÍSES COMO RELATORES NOS SEUS PANEIS TEMÁTICOS

Silleda, 15 de outubro de 2026.- O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, reforza os seus vínculos co Congreso Mundial de Turismo de Interior, o cal celebra a súa segunda edición os días 18 e 19 de novembro no Teatro Municipal de Guarda, en Portugal, organizado pola Asociación Ibérica de Turismo de Interior (AITI).

Así, ademais de ser entidade colaboradora, como xa fixo na primeira edición do evento, no ano 2024 en Cáceres, nesta ocasión será feira invitada e terá un stand propio. Aínda que xa asistira un equipo na primeira edición, será a primeira vez que conta cun espazo, potenciando a participación directa no encontro e favorecendo o contacto con institucións, empresas, profesionais e destinos turístico participantes.

Unha presenza que dá continuidade á xa estreita relación entre Turexpo Galicia e a AITI, para a cal tamén supuxo un importante paso a presentación do II Congreso Mundial de Turismo de Interior en Galicia. Os organizadores escolleron a feira galega, celebrada o pasado mes de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, como un dos escenarios elixidos para a promoción do encontro.

Agora, será Turexpo Galicia a que teña unha especial presenza en Guarda, como feira invitada neste encontro centrado nos retos e oportunidades dos territorios de interior que pretende demostrar que o turismo de interior pode converterse nunha ferramenta de cohesión territorial, creación de emprego, fixación de poboación e dinamización económica.

Máis de 40 relatores de 18 países

O II Congreso Mundial de Turismo de Interior reunirá a responsables institucionais, empresas, universidades, investigadores e representantes procedentes de dezaoito países, como son Portugal, España, Alemaña, Italia, Irlanda, Polonia, Estados Unidos, Colombia, Bolivia, Arxentina, México, Exipto, Xordania, Emiratos Árabes Unidos, Cabo Verde, Angola, Nixeria e Guinea Ecuatorial.

Unha presenza que consolida o seu carácter internacional e constitúe un dos elementos diferenciadores desta segunda edición, permitindo comparar realidades de Europa, América, África e Oriente Medio e analizar desafíos que afectan de forma transversal aos destinos de interior. Ademais, pretende promover o diálogo entre quen define políticas, quen inviste e opera no terreo e quen produce coñecemento, incentivando tanto as boas prácticas como a construción de estratexias conxuntas.

Un obxectivo que se desenvolverá a través dunha ducia de paneis temáticos nos que se debaterán cuestións como a visión que teñen os habitantes do interior sobre o turismo, a recuperación de destinos afectados por incendios e catástrofes, a cultura e a identidade, o turismo e a emoción ou o impacto que tería unha hipotética paralización da actividade turística.

Tamén se falará sobre o futuro do turismo ibérico nunha mesa redonda na que participará o director xeral da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen estará acompañado por Raúl Castro, de Turespaña; Carlos Abade, presidente do Consello Consultivo de Turismo de Portugal, Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal e Ignacio Ruiz, especialista e membro do Comité Científico do Congreso.

Esta participación do director xeral de turismo e tamén de Turexpo Galicia responden a unha aposta da Asociación Ibérica de Turismo de Interior “pola cooperación entre eventos, destinos, institucións e empresas turísticas a ambos os dous lados da fronteira”, cobrando especial relevancia por compartir Galicia con numerosos territorios portugueses desafíos comúns, en canto a zonas rurais, baixa densidade de poboación, patrimonio natural e cultural ou gastronomía, entre outros aspectos.

Turexpo Galicia 2027

O Salón Turístico de Galicia celebrará a súa 16ª edición do 3 ao 6 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), enmarcándose de novo na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que chega á súa 49ª convocatoria.

O certame, que conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, celebrará unha edición especial Xacobeo 2027. Unha cita na que se traballa xa para conformar un efectivo espazo de colaboración e intercambio comercial do sector, ademais dun atractivo escaparate de propostas e destinos para o público final.

Á súa proposta expositiva e de actividades, Turexpo Galicia volverá sumar a vistosa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, cun importante número de operadores e países emisores de turismo para multiplicar as posibilidades de negocio.