Turexpo Galicia 2024 preséntase en Fitur destacando a súa filosofía, crecemento e valor como ferramenta de promoción económica

Madrid, 25 de xaneiro de 2024.- A feira Turexpo Galicia presentou hoxe no salón turístico Fitur a súa cita para 2024, a cal terá lugar do 30 de maio ao 2 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

No acto, que tivo lugar no stand de Galicia baixo o título “Turexpo Galicia 2024: O turismo gana protagonismo nunha Abanca Semana Verde en expansión”, participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Agustín Reguera trasladou que dende a Xunta están empeñados en que os viaxeiros que chegan ás grandes cidades aproveiten tamén para visitar outros lugares menos coñecidos para o gran público pero que tamén contan con grandes atractivos, unha estratexia baseada na filosofía do Camiño de Santiago, o cal cambiou por completo a realidade económica e social dos centos de concellos  polos que descorren os centos de miles de persoas que cada ano peregrinan a Santiago.

Neste sentido Reguera destacou que Galicia bateu todos os récords en turismo en 2023, ao tempo que sinalou tres aspectos polos que considera que Turexpo encaixa á perfección nesta filosofía da Xunta de Galicia. Así, referiuse á idónea localización xeográfica e conexión do seu recinto para un evento deste tipo, ás máis de 100.000 persoas que se esperan unha vez máis nesta cita e o seu enfoque cara un consumidor final de calidade e tamén ás oportunidades de networking que ofrece este espazo para coñecer e crear sinerxías con entidades públicas, creadores de contido e empresas do sector.

Ademais, estivo presente o presidente do ente rexional Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins, quen puxo en valor as relacións entre Galicia e o norte de Portugal tamén no ámbito do turismo e os interesantes proxectos en común de ambas rexións, ademais de subliñar a importancia da súa estratexia de traballo conxunto. Así mesmo, apuntou a notable presenza de Turismo do Porto e Norte en Turexpo Galicia coa participación de numerosas empresas e municipios do norte portugués, a cal se repite dende fai moitos anos e supón xa unha consolidada relación entre a entidade lusa e o certame.

Pola súa banda, Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, organizadora de Turexpo Galicia, quixo detallar as fortalezas da feira e o seu crecemento nos últimos anos. Así, apuntou que na pasada edición o salón volveu rexistrar cifras récord, cun 13% máis de expositores e unha superficie un 3% maior, e que a súa Bolsa de Contratación propiciou máis de 2.200 reunións de negocio, un 4,7% máis, con cerca dunha trintena de turoperadores que teñen presenza en doce países.

Durán tamén subliñou o incremento nun 8% da afluencia conxunta a Turexpo Galicia e a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, ata os 102.689 visitantes, ademais de aproveitar para sinalar a evolución desta gran feira multisectorial na que se enmarca Turexpo. A Semana Verde acadou en 2023 a mellor cifra de expositores directos dos últimos dezaseis anos, con 740 empresas de dez países, ademais dun 34% máis de expositores estranxeiros que na anterior cita e 27 países presentes directamente tanto na súa mostra como nos seus encontros de negocio.

Turexpo Galicia 2024

O Salón Turístico de Galicia celebrará este ano a súa 13ª edición, enmarcada na que será a 46ª convocatoria da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

O certame, que conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, prepárase para conformar un efectivo espazo no que os profesionais podan crear colaboracións, intercambiar coñecementos e xerar negocio, ao tempo que se converterá nun atractivo escaparate de propostas e destinos para o público final.

Á súa proposta expositiva e de actividades, Turexpo Galicia volverá sumar a vistosa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e tamén a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, na que se seleccionará un importante número de operadores e se incorporarán máis países emerxentes  como emisores de turismo co obxectivo de multiplicar as posibilidades de negocio.

Con todo isto, Turexpo Galicia 2024 constituirá de novo unha importante ferramenta de promoción económica e un valioso punto de encontro para todo o sector.