- CONTA CUN STAND EN EXPOURENSE, NO CAL SE DAN A COÑECER AS EDICIONES DE 2025 DESTES EVENTOS, QUE SERÁN DO 5 AO 8 DE XUÑO
- ESTA PRESENZA RESPONDE AO COMPROMISO DE AMBOS RECINTOS CO DESENVOLVEMENTO DO SECTOR FEIRAL EN GALICIA, PARA O CAL MANTEÑEN UN ACORDO DE COLABORACIÓN DENDE O ANO 2017
Silleda, 26 de setembro de 2024.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) volve á Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, para promocionar os seus certames de turismo.
Termatalia, que alterna sede de celebración entre Ourense (cando ten lugar en Europa) e un país de América, desenvolveuse en 2023 en Uruguai, polo que este ano regresa a Expourense para celebrar a súa 22ª edición. Un cita que abre as súas portas no recinto ourensán hoxe xoves e mañá venres.
Nesta nova convocatoria a Feira Internacional de Galicia ABANCA está de novo presente cun stand centrado no XIV Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) e a XI Feira de Festas de Interese Turístico (Festur). Estes certames celebraranse conxuntamente e de forma paralela á emblemática Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia do 5 ao 8 de xuño.
Turexpo Galicia e Festur están xa inmersos na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva, un programa de actividades especialmente dedicado ás festas de interese turístico e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Esta última xerou na edición de 2023 un importante negocio ao propiciar 2.300 reunións entre 160 empresas do sector e 33 operadores turísticos con presenza en 11 países.
Colaboración para o desenvolvemento do sector feiral
Esta participación en Termatalia enmárcase no convenio que dende outubro de 2017 manteñen a Feira Internacional de Galicia ABANCA e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o cal ten como obxectivo promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, de maneira particular, destes dous recintos.