- ESTE 15º SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA DESENVOLVEUSE DO 4 Ao 7 DE XUÑO XUNTO Á 12ª FEIRA DE FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO E NO MARCO DA 48ª FEIRA INTERNACIONAL ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA
- “GRATA SORPRESA” DOS OPERADORES TURÍSTICOS POLOS CONTACTOS REALIZADOS E “ALTAS EXPETATIVAS” POR PARTE DA OFERTA NOS ENCONTROS B2B
Silleda, 10 de xuño de 2026.- O XV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2026, o cal se celebrou do 4 ao 7 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), pechou as súas portas tras celebrar unha exitosa cita co apoio da Axencia Turismo de Galicia.
Así, nesta edición a feira alcanzou cifras récord en número de expositores directos por quinto ano consecutivo, con 129 empresas e destinos participantes, o que supuxo ademais un 12% máis que o ano pasado. Así mesmo, a súa superficie situouse nos 1.634 metros cadrados netos, case un 1% máis que a súa mellor cifra, alcanzada en 2024.
Unha mostra que, xunto coa exposición da 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, foi visitada finalmente por 109.480 persoas, desde o xoves ata o domingo ao peche da feira.
Ademais da súa área expositiva, contaron con gran interese as distintas exhibicións e degustacións das sesenta e seis festas presentes na XII Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), enmarcada en Turexpo Galicia, a cal contou coa maior concentración de celebracións desde a súa posta en marcha.
Tamén destacou o seu IX Encontro de Creadores Dixitais, que nesta ocasión contou con Wonderintravel, Galidrone, Galicia Angi Baldrich, Non sen as miñas Zapas, Wfabianchos, Dun lado a Outro, Bea Onroad, Mil Recordos na miña Maleta, Walking o Mundo e Marce Roteiros e Viaxes.
Mesas de negocio
Esta Bolsa de Contratación volveu converterse nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de 2.500 reunións de negocio nas que 160 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a, finalmente, 32 operadores turísticos con presenza en doce países, os cales son Alemaña, Brasil, EE.UU, España, Irlanda, Finlandia, Indonesia, México, Portugal, Polonia, Reino Unido e Suíza. Na súa maioría tratábase de axencias tradicionais ou de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados) que buscaban propostas diversas, desde turismo gastronómico ata sostible ou educativo, destacando nesta ocasión os interesados en turismo activo, de natureza e, sobre todo, turismo relixioso e Camino de Santiago. Unha notable presenza a destes últimos na que a organización da Bolsa tivo moi en conta a celebración do Xacobeo 2027.
Estes operadores turísticos expresaron á organización a súa “grata sorpresa” por realizar tantos contactos de interese nunha feira como Turexpo, fronte a eventos de maiores dimensións nos que, a pesar do seu tamaño, ou precisamente polas súas dimensións, non son tan efectivos neste sentido. Un aspecto que se repite nos últimos anos. En canto ás empresas participantes na Bolsa, destacaron que as súas expectativas de negocio son altas e agradeceron á feira a posibilidade de contar cunha plataforma de negocio destas características.
A estas mesas de negocio engadiuse unha pequena viaxe de familiarización no que participou a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e tamén algúns dos compradores que acudiron aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca.









