Turexpo Galicia 2026 amplía a súa proxección internacional con máis de 30 turoperadores de trece países e a vista posta no Xacobeo 2027

  • AS EMPRESAS E DESTINOS QUE ACUDAN Á SÚA BOLSA DE CONTRATACIÓN PODERÁN AMOSAR A ESTES OPERADORES TURÍSTICOS A SÚA OFERTA DURANTE O PRIMEIRO DÍA E MEDIO DO SALÓN
  • O CERTAME DESENVOLVERASE DO 4 AO 7 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)
  • ADEMAIS PARTICIPARÁN NUN FAM TRIP QUE OS LEVARÁ POR DISTINTOS ENCLAVES

Silleda, 27 de maio de 2026.- O XV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2026, o cal se levará a cabo do 4 ao 7 de xuño co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contará unha vez máis coa súa recoñecida Bolsa de Contratación.

Esta volverá ser unha efectiva ferramenta de negocio para que a oferta turística participante poida incorporar os seus produtos e propostas a catálogos e circuítos tanto nacionais como internacionais. Co valor engadido de que nesta edición aumenta de dez a trece o número de países nos que teñen presenza os operadores turísticos participantes.

Así, no seu marco están confirmados máis de 30 operadores turísticos con presenza en Alemaña, Brasil, EE.UU, España, Irlanda, Finlandia, Indonesia, Italia, México, Portugal, Polonia, Reino Unido e Suíza.

Na súa maioría trátase de axencias tradicionais ou axencias de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados) que buscan propostas diversas, desde turismo gastronómico ata sostible ou educativo, destacando nesta ocasión os interesados en turismo activo, de natureza e, sobre todo, turismo relixioso e Camiño de Santiago. Unha notable presenza a destes últimos na que a organización da Bolsa tivo moi en conta a celebración do Xacobeo 2027

Estes operadores coñecerán a oferta de empresas do sector do turismo, a maioría galegas, e tamén destinos. Todos eles poderán amosar a súa oferta de forma personalizada ante profesionais con capacidade real de comercialización e decisión, o que facilita acordos e colaboracións, ademais de mellorar o seu coñecemento das demandas de cada mercado para adaptar a súa oferta e aumentar a súa competitividade.

Será a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes durante o 4 de xuño todo o día e a mañá do 5 de xuño, o cal se corresponde co primeiro día e medio do certame, que ademais terá lugar xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Pazos, viño e Santiago no fam trip

A estas mesas de negocio engadirase unha pequena viaxe de familiarización no que participará a maioría de operadores turísticos asistentes

Este fam trip comezará a tarde do venres 5 de xuño cunha visita ao Pazo do Faramello, situado sobre o canón do río Tinto, no lugar de Faramello, pertencente ao municipio de Rois. Xa o sábado 6 de xuño coñecerán Cambados, onde terán a oportunidade de acudir ao Pazo de Fefiñás & Gil de Armada e tamén ao xardín da Fundación Manolo Paz. Logo acudirán á adega Terras de Asorei, no concello de Meis, onde comerán, e finalmente descubrirán o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín de Excelencia Internacional, situado en Ribadumia.

O último día, o domingo 7 de xuño, o grupo de operadores turísticos visitará Santiago de Compostela e a súa catedral.