Turexpo Galicia 2022

Festur 2022 mostrará aos seus visitantes os atractivos de 44 festas galegas de interese turístico

Silleda, 31 de maio de 2022.- A VIII Feira de Festas de Interese Turístico,  Festur 2022, celébrase desde o xoves ata o domingo conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 44ª Abanca Semana Verde de Galicia. Unha cita que conta co apoio da  Axencia Turismo de Galicia e que reunirá a 44 celebracións das catro provincias galegas.

Estas festas de interese turístico presentes na feira, con recoñecemento de carácter internacional, nacional ou de Galicia, celébranse en 34  concellos, os cales participan na área expositiva de forma individual ou a través de agrupacións. Ademais, algunhas delas levan a cabo distintas actividades durante o certame, como degustacións e exhibicións, en función do seu carácter.

Están presentes, con vistoso material nos seus stands A Rapa das Bestas e a Festa do Salmón de A Estrada; Festa de Xesús Nazareno-Festa das Mortallas, de A Pobra do Caramiñal; Festa do Queixo, de Arzúa; Romería de San Ramón de Bealo, de Boiro; Festa da Filloa de Lestedo e Entroido dos Xenerais do Ulla, de Boqueixón; Feira do Bonito de Burela; Romaría Vikinga de Catoira; Filandón de Músicas de Folgoso do Courel; Feira do Cocido, de Lalín; O Naufraxio, de Laxe; Festa do Melindre e da Respostería Tradicional, de Melide; As San Lucas, Semana Santa e Mercado Medieval, de Mondoñedo; Xuntanza Internacional de Gaiteros, de Monterrei; Feira de Santos de Monterroso;  Festival Internacional Mundo Celta de Ortigueira; Festa do Pemento de Herbón e Festa da Pascua, de Padrón; Corpus Christi, de Ponteareas; Festa do Percebe do Roncudo, de Ponteceso; Mostra do Aceite de Quiroga; Romaría da Saínza de Rairiz de Veiga; Virxe de Guadalupe, de Rianxo; Festa da Dorna, de Ribeira; Xenerais do Ulla, de Silleda; Xenerais do Ulla de Vedra; Festa da pescada do pincho de Celeiro e Semana Santa de Viveiro; Festa do Pemento de A Arnoia; Festa da Istoria e Feira-Exposición de Exaltación do Viño da Zona do Ribeiro, de Ribadavia; Festa do Polbo de O Carballiño e o Entroido de Vilariño de Conso.

Tamén se promocionan as festas do Pan de Cea, de San Cristovo de Cea; Galo de Curral, de Vila de Cruces; do Carneiro o espeto de Moraña; Festa do Lacón con Grelos, de Cuntis; e Festa da Empanada de Bandeira e da Tortilla de Laro, de Silleda, realizando todas elas degustacións en distintos momentos da feira. Ademais, está presente a Mostra do Encaixe de Palillos, de Camariñas, a cal realiza demostracións coa presenza de palilleiras.

Outras actividades

Ademais destas festas recoñecidas como de interese turístico, Festur acollerá degustacións doutras celebracións pertencentes a concellos participantes na feira, como da Festa da Paella de Cortegada, do Lacón, dos Callos  Anxemil- Martixe e das Rosquillas de Abades, todas elas de Silleda. Tamén o Concello de Vilariño de Conso realizará degustacións de produtos de repostería e o de Monterroso presentará os xogos de mesa Ultreia.